A partir do século XVI no concello de Forcarei viven varias familias que son consideradas fidalgas grazas a súa destacada posición económica, así como a seu emprego de escribáns. Trátase das familias Ogando, Soto, Ribera, Reigosa, Teixeiro, Cadavid, Ocampo… , que nalgún momento acaban relacionándose entre si.
Ao igual que outras moitas familias fidalgas do entorno de A Estrada, como os Leira Castro, Gómez de Castro, Bermúdez de Castro, etc., as familias forcaricenses obtiveron as súas riquezas a partir dos subforos, de préstamos e do seu emprego como escribáns, que acrecentaban grazas aos vínculos, morgados e matrimonios de conveniencia, sen embargo hai que destacar neste caso a importancia da contribución económica que diversos sacerdotes deron a súa familia a través das fundacións relixiosas. Trátase das fundacións de Ignacio Ribera, cura de San Xoán de Laxas (Boborás), Francisco de Soto cura de Millerada, Domingo de Lois cura de Cerdedo e do seu anexo Caroi, así como a de Francisco de Ogando Ribera cura de Cerdedo.